A XUNTA DE GOBERNO SOLICITA A SUBVENCIÓNS PARA O MANTEMENTO DO CIM E A AXENCIA DE EMPREGO
03/10/2016
Na Xunta de Goberno Local celebrada o 29 de setembro as cuestións máis relevantes que foron aprobadas consistiron na solicitude de participación do Concello da Laracha en programas convocados pola Xunta de Galicia para colaborar nos gastos derivados do funcionamento e retribucións do persoal laboral municipal do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local.
Así, por unha parte presentarase un proxecto para o desenvolvemento de accións dirixidas á promoción da igualdade entre homes e mulleres a través do CIM, ao abeiro da convocatoria da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia e Administracións Públicas e Xustiza (DOG número 168 do 5 de setembro de 2016). O CIM da Laracha está formado por unha psicóloga e unha avogada que ao longo de todo o ano, con carácter permanente e de xeito gratuíto, están a disposición dos laracheses para prestarlles atención psicolóxica e xurídica, especialmente ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Tamén ofrece información en materia de recursos e orientación profesional, ademais de realizar actividades formativas e informativas para este colectivo, así como para os estudantes, neste caso en materia de prevención.
Por outra banda, o Concello da Laracha tamén pretende percibir fondos procedentes da convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o cooperar economicamente no mantemento da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local (DOG número 158 do 23 de agosto de 2016). Esta oficina municipal promove, organiza e xestiona programas e iniciativas relacionadas co fomento do emprego e a inserción laboral, ademais de prestar un asesoramento continuado sobre calquera cuestión en temática de emprego a empresarios, emprendedores, traballadores, persoas desempregadas e veciños en xeral. Salientar, por último, que na sesión da Xunta de Goberno Local tamén foron concedidas dúas licencias de obras tras ser informadas favorablemente polos servizos técnicos municipais.