• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os edificios municipais xa conta coa nova iluminación grazas á colaboración entre o Concello e o IDAE

24/09/2019

A cooperación entre o Concello da Laracha e o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –entidade pública dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica- posibilitou a execución do proxecto de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal. Fíxose ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos singulares promovidos por entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

O proxecto, valorado en 63.316 euros, consistiu na completa renovación das luminarias por outras LED de última xeración en todos os despachos e zonas comúns da Casa do Concello, do edificio de servizos múltiples, da biblioteca municipal da Laracha e do centro sociocultural de Paiosaco. O aforro enerxético está estimado nun setenta e cinco por cento. O IDAE financia o oitenta por cento e a cifra restante, uns 12.500 euros, son achegados polo Concello da Laracha con fondos municipais.

Este proxecto ten por dobre obxectivo adelgazar o gasto eléctrico que se asume con cargo aos orzamentos xerais municipais ao mesmo tempo que son reducidas as emisións de dióxido de carbono das actuais luminarias sendo, por tanto, unha actuación respectuosa co medio ambiente.