• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Alumnos do IES Agra de Leborís participan en Gabenlle nun obradoiro de debuxo urbano

05/05/2022

Unha quincena de alumnos de 3º e 4º de ESO do IES Agra de Leborís participarán mañá durante o horario lectivo -de 9:30 a 14:00 horas- nun obradoiro de debuxo urbano que se vai desenvolver na área recreativa de Gabenlle.

Será impartido pola escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético baixo a organización do Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración co centro de ensino.

Os obxectivos desta iniciativa son diversos e complementarios, xa que se combinará a formación artística dos participantes co coñecemento dos entornos naturais e a concienciación ecoloxista e patrimonial.

A aprendizaxe práctica de mañá compleméntase coa teórica por medio do vídeo explicativo das diferentes técnicas de debuxo que o ilustrador e produtor Kiko da Silva fixo chegar aos participantes.

Ademais, a iniciativa concluirá coa creación dun libro virtual con textos de Manuel Lourenzo no que se incluirán os debuxos de todos os rapaces dos dez municipios nos que se impartirá este obradoiro.