• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde participa no seminario internacional impartido hoxe no Castro de Doade do Concello de Lalín

04/05/2022

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, participa hoxe no seminario internacional que está a impartir no Castro de Doade do municipio de Lalín a Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega en colaboración co Museo do Patrón. O rexedor municipal está acompañado polos edís Jesús Souto e Ramiro Bello e a arqueóloga Puri Soto, que está á fronte da escavación do castro de Montes Claros.

O evento de hoxe é dirixido polo arquitecto da paisaxe portugués Joao Nunes, sendo os propósitos da xornada a posta en valor do castro, divulgar o territorio e os seus recursos patrimoniais e naturais, incorporar a paisaxe e o medio rural como obxectos de investigación e valorar de que maneira pode contribuír o carácter da paisaxe ao desenvolvemento sostible do territorio.

O lalinés Castro de Doade é do mesmo período que o larachés Castro de Montes Claros -idade de ferro-, presentan tipoloxías similares e comparten idénticos obxectivos no referido ao coidado da paisaxe, posta en valor e divulgación. Por tanto, a participación neste seminario dos representantes do Concello da Laracha enmárcase dentro da formación para a posible aplicación en próximas intervencións no Castro de Montes Claros.

É preciso lembrar que o Concello da Laracha realizou durante o pasado verán a primeira fase da escavación arqueolóxica no Castro de Montes Claros, que deixou á vista parte dos muros de pedra e fixo aflorar fragmentos de pezas cerámicas e de bronce.