• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Rematan os cursos de cociña e de iniciación á creación de páxinas web do Programa Integrado de Emprego

30/04/2022

O Concello da Laracha clausurou os cursos de Elaboracións Básicas de Cociña e de Iniciación á Creación de Páxinas Web nos cales os alumnos adquiriron coñecementos destas disciplinas e accederon a ferramentas útiles que mellorarán as súas oportunidades de inserción laboral. Estas accións desenvolvéronse dentro da programación que o Concello pon á disposición das 100 persoas desempregadas que participan no programa, que conta coa financiación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O alcalde, José Manuel López Varela, e máis a Concelleira de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego, Rocío López Rey, acudiron ao último día destas actividades formativas para felicitar aos asistentes e recoller as súas impresións con respecto á formación que estiveron a recibir nas últimas semanas tanto no Centro Sociocultural de Lendo como na aula do Edificio Administrativo do Concello.

Curso iniciación creación páxinas web

O Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha continuará o luns 2 de maio coa súa programación dando comezo a tres novas actividades formativas en eidos diferenciados, todos eles con amplas oportunidades de emprego. Por unha banda, o curso de Camareiro/a de Piso formará a profesionais cualificados no mantemento dos espazos máis persoais dos establecementos hoteleiros. Por outra, o de Desenvolvemento Web para o Comercio Electrónico afondará nas distintas ferramentas que as novas tecnoloxías poñen ao dispor do sector do comercio. Por último, na terceira acción formativa, os alumnos abordarán unha materia transversal tan importante como é a calidade e a orientación ao cliente.

Posteriormente os participantes do programa poderán poñer en práctica os seus coñecementos realizando estancias en empresas dos sectores nos que se formaron, o cal mellorará as súas perspectivas de atopar un emprego. Na última fase, os alumnos recibirán tamén formación transversal sobre como enfrontarse con éxito ás entrevistas de traballo ou sobre como procurar ofertas de emprego na rede.