• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta alegacións ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro

28/04/2022

O Concello presentou ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación unha serie de alegacións ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro que prevé a instalación de catorce aeroxeneradores cunha potencia total de 50 MW no termo municipal da Laracha.

Considérase que os aeroxenedarores, polo seu emprazamento, dimensións e velocidade de xiro poderían afectar aos núcleos de poboación situados a unha distancia de entre cincocentos e mil metros, polo que se reclama un estudo máis profundo sobre as posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e de ruído que levarían consigo ditas infraestruturas.

Afondando nesta cuestión, estímase insuficiente a representación gráfica das zonas afectadas acusticamente no estudo de impacto ambiental ao non incluír unha delimitación exhaustiva dos núcleos rurais. É por iso que se reclama un estudo específico das posibles afeccións que poderían causar a transmisión do ruído, especialmente a edificacións de uso agrogandeiro situadas moi próximas aos aeroxeneradores, así como a vivendas plantacións e accidentes xeográficos. Tamén se demanda o establecemento das correspondentes medidas correctoras e das servidumes acústicas xeradas polo proxecto.

Ademais, solicítase que a empresa promotora realice un estudo pormenorizado das captacións de auga para traídas veciñais existentes na área afectada e que, ante a presenza de tráfico pesado que implicaría a construción e posta en marcha do parque eólico, leve a cabo a pavimentación das vías municipais de acceso.