• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicados tres proxectos de mellora da rede viaria que suman un investimento de 366.000 euros

25/04/2022

Na última sesión da Xunta de Goberno Local foron adxudicados tres proxectos de mellora de rede viaria que suman un investimento superior aos 366.000 euros e inclúen renovacións da capa de rodadura dos vehículos, sinalización e recollida de pluviais en estradas localizadas en dezanove núcleos de poboación de oito parroquias.

O de maior orzamento (170.000 euros) afecta nove quilómetros de rede viaria da parroquia de Soandres. Contempla a mellora do pavimento nos accesos e nos lugares de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga.

Outro proxecto localízase nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Lendo e Vilaño e alcanza un presuposto de 72.000 euros. Inclúe actuacións de renovación da superficie de rodadura e reforzamento da seguridade viaria en Cardois (Cabovilaño), Goxán (Caión), A Painceira (Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño).

Por último, o que afecta ás parroquias de Lemaio e Torás suporá un investimento duns 124.000 euros. En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención consistente na mellora da capa de rodadura de dúas vías que comunican e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira, e que presentan unha lonxitude total duns cinco quilómetros lineais. Tamén inclúe a ampliación da rede de abastecemento de auga. En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo e consiste no acondicionamento dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

Persoal para a limpeza da praia de Caión

A Xunta de Goberno Local tamén acordou concorrer á convocatoria de axudas da Deputación da Coruña dirixidas á contratación de persoal para a limpeza de praias marítimas. Ao abeiro de dito programa, o Concello presenta unha proposta para cofinanciar a incorporación de sete traballadores (cinco peóns e dous capataces) que prestarían servizo no areal de Caión durante os tres meses do verán.