Concello
A floración das cerdeiras plantadas polo Concello embelece o campo da feira de Paiosaco
19/04/2022
Nos primeiros días da primavera a floración das cerdeiras situadas no campo da feira de Paiosaco, no tramo entre a Avenida Bergantiños e a rúa Eduardo Pondal, embelece tanto o recinto feiral como o seu entorno.
Así sucede cada ano desde que en 2017 o Concello plantase nese lugar exemplares destas árbores, escollidas tanto pola súa riqueza ornamental como para aportar valor á Feira das Cereixas de Paiosaco, a celebración gastronómica máis importante do termo municipal que ten lugar no primeiro domingo do verán (neste ano, o 3 de xullo) e que conta coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Precisamente moi preto do campo da feira e do lugar no que se sitúan estas árbores, atópase a Rúa das Cereixas, nome cargado de simboloxía que fai alusión á importancia histórica que ese froito sempre tivo para a vila de Paiosaco en particular e o Concello da Laracha en xeral.