• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Caión será este domingo escenario do proxecto “Escora”

18/04/2022

Caión será este domingo pola mañá un dos escenarios do proxecto ESCORA que pon en marcha a Deputación da Coruña en torno á celebración do Día Internacional da Danza e co propósito de visibilizar o traballo artístico das compañías galegas.

A praza Eduardo Vila Fano -en caso de choiva, o centro sociocomunitario da vila- acollerá a partir das 12:00 horas dúas actuacións de danza contemporánea: Miña Xoia, de Clara Ferrao, e Alleo, do Colectivo Glovo, que presenta por primeira vez ao público a súa nova peza. Cada unha delas terá unha duración aproximada de quince minutos. A xornada rematará cun encontro co público mediado por Marcia Vázquez.

Este será un dos seis eventos dos que consta o proxecto ESCORA que se van desenvolver durante esa fin de semana noutros tantos municipios da Costa da Morte, comezando o venres 22 de abril en Fisterra e Muxía, seguindo o sábado en Laxe e Camariñas e concluíndo o domingo en Caión pola mañá e, pola tarde, en Malpica.

Os espazos escollidos pola organización xeran a oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais como as praias, prazas, rúas, etc, coa vontade de presentar unha programación de proximidade para públicos diversos, ademais de presentarse como un punto de encontro para as artes escénicas, a danza, o patrimonio, a lingua galega e a comunidade.