• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello saca a licitación os contratos do servizo de desbroce de vías e parcelas municipais

11/04/2022

O Concello vén de sacar a licitación o servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. A finalidade é acometer durante os próximos meses os traballos de eliminación da vexetación herbácea nas marxes das vías para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e peóns e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público.

En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para actuar en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de terreos e parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

Segundo o establecido nos pregos, en determinadas vías e parcelas será preciso facer dúas, tres ou ata catro intervencións para mantelas en boas condicións ao longo dos próximos meses.

Co propósito de axilizar as traballos, cada licitante só poderá resultar adxudicatario dun dos cinco lotes nos que está dividido o contrato, e que son os seguintes:

  • Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño: 37.645,76 euros.
  • Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres: 29.731,84 euros.
  • Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo: 30.664,32 euros.
  • Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal: 22.395,15 euros.
  • Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal: 19.298,53 euros.

 

 

O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 20 de abril.