Concello
O Concello acomete unha intervención de mantemento na área de descanso de O Regado
05/04/2022
A área de descanso de O Regado, unha zona de esparexemento situada na parroquia de Cabovilaño a carón da estrada AC-552, está a ser obxecto dunha ampla intervención de mantemento e conservación.
Os traballos céntranse na poda e rebaixe das tuias que fan de barreira vexetal entre a zona de descanso e a estrada comarcal. O triplo obxectivo da intervención é acondicionar as propias árbores, favorecer a entrada da luz solar e ofrecer unha maior sensación de seguridade para os seus usuarios.
A intervención principal está a ser executada, a instancias do Concello, pola empresa concesionaria do servizo de mantemento de zonas verdes, contando, ademais, coa cooperación das cuadrillas medioambientais municipais para a retirada, transporte e eliminación da materia vexetal.
A área de descanso de O Regado, ademais de albergar unha das áreas de servizo para autocaravanas existentes no termo municipal da Laracha, tamén dispón do equipamento propio dun espazo destas características, tales como mobiliario urbano, bancos e mesas tipo merendeiro nun espazo verde, rodeado de céspede e con árbores autóctonas nalgúns casos de gran tamaño.