• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A 11ª "Primavera Teatral" de Paiosaco constará de tres funcións no mes de abril

02/04/2022

O Concello presenta o programa da undécima edición do ciclo de teatro de Paiosaco. A Primavera Teatral. Afianzado como un dos referentes da programación cultural municipal, desenvolverase ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural desa localidade e constará de tres espectáculos.

Do mesmo xeito que sucede cos Venres Teatrais da Laracha en novembro e,  desde este ano, con Teatro con Salitre de Caión, o Concello programa a Primavera Teatral co obxectivo de ofrecer ao público local a oportunidade de achegarse ás artes escénicas presenciando espectáculos destas características.

A primeira cita será o venres día 8 con O mel non caduca. No ano 2173 dous científicos/apicultuores (aos que dan vida os actores Aveliño González e Marián Bañobre) levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva e constrúen unha árbore no seu laboratorio para tratar de recuperar os ciclos naturais, que se perderon hai tempo. O espectáculo aborda cuestións como as relacións do ser humano cos obxectos, a degradación ecolóxica do planeta e a obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.

Trala pausa pola Semana Santa, o teatro regresará o venres 22 con A parábola de Angazo, a última obra de Talía Teatro. Toño Casais e Artur Trillo, baixo a dirección de Diego Rey, protagonizan esta obra que xira en torno á lingua galega.

O ciclo pecharase o venres 29 con Reino da extinción, de Amorodio Teatro, unha comedia que conta a historia de Galicia a través de catro personaxes de diferentes épocas e que pretende reflexionar sobre o concepto de identididade galega, explicando como cambiou ao longo dos séculos.

Todas as funcións serán a partir das 21:00 horas e con acceso gratuíto para o público.

Colabora co Concello na organización da Primavera Teatral de Paiosaco a Deputación da Coruña.