• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O OBRADOIRO DE EMPREGO QUE ORGANIZAN A LARACHA E ARTEIXO FORMARÁ E MELLORARÁ A EMPREGABILIDADE DE 20 PERSOAS

22/09/2016

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego III comezou a desenvolverse o mércores 21 de setembro despois de realizarse na xornada anterior o acto de presentación oficial deste programa que se leva a cabo na procura de tres obxectivos fundamentais: mellorar a empregabilidade dos participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal. A organización e a cargo de ambos concellos e cóntase coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o seu financiamento.   

Nos seis meses de duración do programa, dez alumnos traballadores participarán na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e outros dez farano no módulo de traballos de carpintería e moble. Todos eles terán a posibilidade de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos da súa especialidade, realizar actuacións en instalacións de ambos concellos para acadar experiencia, recibir o certificado de profesionalidade ao rematar con éxito o obradoiro e acceder a un posto de traballo remunerado neste medio ano de aprendizaxe e formación.   

O equipo directivo, docente e administrativo estará formado por un grupo de seis persoas: directora, mestres de cada especialidade, ensino básico e xestión empresarial e un auxiliar administrativo.   

Os alcaldes dos dous Concellos organizadores, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, e o Director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, presidiron o acto de presentación obradoiro de emprego, tendo ademais a posibilidade de coñecer e saudar persoalmente aos alumnos e ao persoal docente.   

Como anfitrión, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, abriu a quenda de intervencións dándolles os parabéns ás vinte e seis persoas que formarán parte do proxecto. O rexedor larachés salientou “as boas experiencias nos obradoiros de emprego xa realizados con Arteixo” e agradeceu “o apoio da Xunta de Galicia para poder desenvolver este tipo de programas de formación”, que considera son “os máis amplos e mellores para os alumnos”. López Varela tamén destacou que “escollemos estas especialidades porque teñen demanda de traballadores, e o que pretendemos é formar para a posterior inserción laboral”.   

O seu homólogo de Arteixo, Carlos Calvelo, referiuse ao esforzo que se está a realizar desde as administracións para combater o desemprego, destacando a “excelente coordinación e a vontade de manter a colaboración entre ambos Concellos e a Xunta de Galicia”. Desexoulles sorte aos participantes e animounos a facer “un esforzo para aproveitar ao máximo esta oportunidade para formarse, adquirir experiencia e obter o certificado de profesionalidade”, xa que hoxe en día “as empresas demandan titulación para contratar persoal”.   

O Director xeral Orientación e Promoción Laboral afirmou que entre setembro e outubro a Xunta de Galicia puxo en marcha cen obradoiros de emprego. O iniciou do programa presentado hoxe foi para Alfonso Marnotes un “momento feliz”, xa que a “formación e a creación de emprego son cuestións que nos importan a todos”. Animou aos participantes a “aproveitar a oportunidade” e lembrou que, ademais da aprendizaxe e a experiencia, as actuacións que desenvolvan nos próximos meses van ser “traballos en beneficio da comunidade veciñal”.   

Como nos anteriores obradoiros de emprego organizados entre os Concellos da Laracha e de Arteixo, a parte teórica desenvolverase integramente no novo edificio administrativo larachés. A parte práctica realizarase en infraestruturas públicas de ambos municipios, centrándose na Laracha no paseo fluvial do río Anllóns, na área recreativa de Gabenlle e no mobiliario urbano e, en Arteixo, no parque de Monticaño.

Compartir: