• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha inicia a súa etapa formativa

28/03/2022

O Concello da Laracha inaugurou hoxe a etapa formativa do seu Programa Integrado de Emprego cos cursos de Servizos Básicos de Barra e Restauración e de Organización de Almacén. Estas actividades son as primeiras dentro da ampla oferta que o Concello pon á disposición das 100 persoas desempregadas que participan no programa, que conta coa financiación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Os alumnos de Barra e Restauración recibirán a súa formación no Centro Sociocultural de Paiosaco, ao cal acudiu tamén o alcalde, José Manuel López Varela, e máis a Concelleira de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego, Rocío López Rey  para dar a benvida aos alumnos. Por outra banda, os alumnos do curso de Organización de Almacén foron tamén recibidos polo rexedor e a concelleira no Edificio Administrativo do Concello, instalacións nas cales cursarán a súa formación durante as vindeiras semanas.

Nos vindeiros meses, o Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha acollerá novas actividades entre as que están os cursos de Xestión Loxística, Iniciación á Creación De Páxinas Web, Desenvolvemento Web para o Comercio Electrónico, Mellora de Xestión de Stock e Beneficios no Comercio, Estratexias de Servizos: Calidade e Orientación ao Cliente, Aplicacións Informáticas de Xestión e Manexo de Follas de Cálculo e Elaboracións Básicas de Cociña.

Do mesmo xeito, as 100 persoas desempregadas que foron seleccionadas para participar no programa contan co apoio de dúas orientadoras laborais e de formación transversal que aportan ferramentas para que os participantes podan afrontar con éxito a busca de emprego na rede, as entrevistas de traballo ou procesos como o autoemprego ou a mobilidade coa Rede Eures. Todo isto completarase con sesións de coaching, orientación laboral e formación en habilidades sociais, comunicación, intelixencia emocional, traballo en equipo e prácticas non laborais en empresas.