• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha retoma o irmandamento coa localidade francesa de Les Sables d’Olonne

27/03/2022

Unha delegación do comité de irmandamento do municipio francés de Les Sables d’Olonne -formada por oito persoas e liderada pola súa presidenta, Martine Girardeau, e a concelleira de irmandamentos, Corine Gino- visitou esta fin de semana o Concello da Laracha para manter un encontro con representantes do goberno municipal e co propósito de retomar o irmandamento con dita localidade.

Os concellos da Laracha e de Olonne-sur-Mer asinaran o seu irmandamento no verán do ano 2010. En 2019 fíxose efectiva a fusión, baixo a denominación Les Sables D’Olonne, dos tres antiguos municipios franceses que formaban o País de Olonne: o propio Olonne-sur-Mer, Sables d’Olonne e Château-d'Olonne, que agora forman unha entidade única de máis de 45.000 habitantes. Esta circunstancia implica a necesidade de constituír con carácter oficial o novo irmandamento coa Laracha.

No encontro celebrado ao longo dos dous últimos días iniciouse a coordinación das actividades e a tipoloxía dos actos que se acordou comezar a desenvolver durante o próximo verán. Centraranse prioritariamente en propostas para a mocidade -principalmente, para o alumnado dos institutos de ambas localidades- asociacións e clubs deportivos.

Durante a fin de semana os representantes do Concello da Laracha -encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela- guiaron á delegación francesa nun percorrido polos principais puntos de interese to termo municipal da Laracha, visitando a capital municipal, Paiosaco, Caión, o mosteiro de Soandres, a área recreativa de Gabenlle e o parque empresarial.

Esta primeira toma de contacto é o xerme para potenciar os lazos de amizade entre A Laracha e  Les Sables d’Olonne e, do mesmo xeito que durante a última década, continuar organizando iniciativas de interese xeral para a poboación das dúas localidades.