• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno acorda incorporar aos orzamentos preto de un millón de euros do remanente para investimentos e outras iniciativas de interese xeral para a cidadanía larachesa

25/03/2022

O Pleno ordinario celebrado hoxe comezou gardándose tres minutos de silencio en sinal de loito e respecto polas vítimas mortais da violencia de xénero -7 en España no que va de ano-, do coronavirus e do conflito bélico en Ucraína.

Os primeiros puntos da orde do día consistiron na dación de conta das resolucións ditaminadas nos dous últimos meses e da liquidación do exercicio económico 2021, que se pecha con 9.966.619,30 euros de ingresos, 9.819.827,56 de gastos (por tanto, cun resultado orzamentario positivo de 146.791,74 euros) e cun remanente de tesourería de 1.937.833,18 euros.

Precisamente no Pleno foi acordado –coa única abstención do grupo municipal do BNG- incorporar aos orzamentos do ano en curso máis da metade dese remanente (en concreto, 990.843,60 euros) como fonte de financiamento do crédito extraordinario e suplemento de crédito que permitirá levar a cabo iniciativas de interese xeral para a cidadanía larachesa. Gran parte dos fondos destinaranse a actuacións de investimento en infraestruturas públicas. Na rede viaria contémplanse melloras na parroquia de Torás (rúas Río Anllóns, Río Bradoso e Eusebio Bértoa do núcleo urbano da Laracha), Cabovilaño (estrada O Castro-A Lagarteira e núcleos de Oldán e A Casanova), Coiro e Golmar (estrada de Requesende á Ferrulleira), Coiro (estrada da Ferrulleira á DP 1913 e núcleos de A Ferraría, A Riba, A Fontefría e Fornos), Soandres (núcleo de Compañeiro), Vilaño e Golmar (estrada O Ramallal-A Piña) e Vilaño (estrada Vista Alegre-Samiro).

Tamén se completará a execución da obra de urbanización da estrada entre Bos Aires e O Pereiro que dá acceso ao CEIP Otero Pedrayo, adecuarase o entorno do IES Agra de Leborís, acondicionaranse aparcamentos públicos na Laracha e en Paiosaco, crearanse dous novos parques infantís nas parroquias de Soandres e Erboedo, melloraranse edificios municipais, reforzarase a seguridade na rede viaria con sinalización vertical e horizontal, adquirirase mobiliario urbano e continuarase co desenvolvemento do proxecto de recuperación de topónimos e renumeración das vivendas en núcleos rurais. Ademais, quedan consignados fondos nos orzamentos para a promoción do turismo coa homologación e sinalización de rutas de sendeirismo e, tamén, para reforzar ás subvencións nominativas ás Comisións de Festas.

Como cuestión de mero trámite técnico, foi aprobada a modificación do anexo de investimentos dos orzamentos do exercicio económico en curso dado que a relación de obras incluídas finalmente no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (Plan Único Concellos POS+2022) presentaba variacións con respecto á previsión inicial, o que non implica modificacións nos presupostos dado que non cambian nin o importe global solicitado nin a aplicación orzamentaria.

Tamén foron aprobadas con carácter inicial dúas novas ordenanzas municipais. Unha delas -coas abstencións do BNG e do PSOE- é a do novo Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha, que engloba, adapta e regula o funcionamento dos servizos municipais de aula lúdica e Madrugadores. A outra -coa abstención do BNG- é a reguladora do funcionamento e admisión no viveiro municipal de empresas situado no polígono industrial e que ofrece aos emprendedores laracheses a oportunidade de dispoñer dun espazo físico –naves industriais e oficinas- e as condicións e servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación da súa actividade. Complementando a esta normativa municipal, aprobouse a correspondente ordenanza fiscal –coas abstencións dos grupos municipais do PSOE e do BNG- que establece un prezo de aluguer de 900 euros por trimestre para cada unha das dúas naves industriais e de 180 euros por trimestre para cada un dos oito espazos de coworking.

Houbo unanimidade dos tres grupos con representación no Pleno sobre a conformidade co proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga que suporá a construción dun novo depósito de cabeceira na parroquia de Golmar. E tamén sobre a adhesión do Concello á nova sección da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) denominada Municipios en Transición Justa-Acom en aras de garantir unha mellor defensa das necesidades locais comúns para aproveitar as oportunidades dos fondos europeos vinculados a políticas de transición xusta.

Ademais, a addenda ao convenio en vigor entre o Concello e a Xunta de Galicia para a asunción da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos da Policía Local para excluír desa delegación os procesos de promoción interna foi aprobada coa abstención do BNG.

Salientar, por último, a aprobación de dúas mocións de condena da invasión de Ucraína por parte de Rusia.