• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia a campaña de trampeo de raíñas de avespa velutina

10/03/2022

O Concello inicia a campaña de trampeo para combater a expansión da avespa velutina que se leva a cabo cada ano nas datas previas ao comezo da primavera, xa que é a época nas que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.

A campaña levarase a cabo de dous xeitos paralelos co propósito de optimizar os resultados. A fase inicial consistirá na colocación, a cargo dunha empresa especializada no control de pragas, dun centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en zonas verdes, parques e prazas de titularidade pública.

Ademais, faise un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía. Aquelas persoas que o desexen poderán solicitar de balde no Concello a partir do luns 21 de marzo tanto trampas como líquido atraínte.

O Concello lembra a importancia de centrar os esforzos nesta época do ano, xa que a captura de cada raíña impedirá a formación dun niño primario no que poden criarse ata tres mil nespras.

Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia e que a empresa pública Tragsa poida proceder á súa eliminación.