• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello participa no programa “Únete ao reto!” de promoción da reciclaxe

10/03/2022

A Laracha é un dos trece municipios galegos participantes no programa Únete ao reto! de promoción da reciclaxe que impulsan a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e Ecoembes.

O Concello ten a oportunidade de gañar un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social local. Para conseguilo é fundamental á implicación da cidadanía, xa que se debe incrementar nun 10% con respecto ás cifras dos meses de marzo, abril e maio do ano pasado a reciclaxe dos contedores amarelos nos que se depositan envases de plástico, bricks, latas, etc.

Hoxe os promotores da campaña informativa de Únete ao reto! mantiveron un encontro co alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, para explicarlles as accións divulgativas que están a levar a cabo e que se prolongarán durante as próximas semanas.

Hoxe comezouse coa toma de contacto cos establecementos comerciais e hostaleiros para implicalos na iniciativa e darlle visibilidade. O domingo día 20 de marzo estarán na feira de Paiosaco para informar á cidadanía e repartir material da campaña. No mes de abril está previsto continuar as accións de difusión coa instalación dun contedor amarelo xigante.

Pódese ampliar información sobre a campaña Únete ao reto! na súa páxina web: https://uneteaoreto.com/.