Concello
Caión estrea o ciclo “Teatro con Salitre” con tres funcións no mes de marzo
05/03/2022
A vila de Caión estreará a próxima semana o seu primeiro ciclo de teatro que se desenvolverá nas instalacións do centro sociocomunitario baixo a título Teatro con salitre. O programa constará de tres funcións que terán lugar nos próximos tres venres, sempre a partir das 21:00 horas e con entrada gratuíta para o público.
O venres 11 ábrese o pano con Asinaria, unha versión da comedia clásica de Plauto a cargo de Corzo Producciones e dirixida ao público adulto e adolescente (maiores de 14 anos de idade).
O venres 18 será a quenda para Crime desorganizado, da Agrupación Teatral Mariñán. Trátase dunha comedia policiaca na que se investiga un asasinato cun desenlace irónico e inesperado.
O ciclo pecharase o venres 25 con Operación coroa, da Asociación Cultural Faíscas, comedia na que un grupo de mulleres aproveitan a visita da raíña de Inglaterra para dar un golpe que remate coa súa precaria situación económica.
Do mesmo xeito que na Laracha cos Venres Teatrais do mes de novembro e en Paiosaco coa Primavera Teatral de abril, o Concello aposta pola organización deste novo ciclo en Caión durante o mes de marzo para achegar á cidadanía as artes escénicas. A recente apertura do centro sociocomunitario permite a organización na vila deste tipo de iniciativas culturais ao dispoñer dos espazos e equipamentos necesarios.
Descarga: Cartel "Teatro con Salitre"