• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello concorre á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para reforzar o programa de atención temperá

03/03/2022

O Concello ten en marcha desde o pasado verán o programa de atención temperá, consistente nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A clave é poder detectar esas dificultades o antes posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do cativo. No momento actual o programa conta con 26 usuarios.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer á convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá. A pretensión é poder contar con catro profesionais (logopeda, terapeuta ocupacional, psicólogo e fisioterapeuta) para reforzar, ampliar e mellorar este programa.

Por outra banda, tamén se acordou na Xunta de Goberno Local aprobar con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola construción dun novo depósito de cabeceira que servirá de soporte á rede de abastecemento de auga. Trátase dunha única parcela de 4.158 metros cadrados de superficie, situada no lugar das Camposas (parroquia de Golmar) e cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo rústico de especial protección de montes. O Concello investirá na súa adquisición 7.241,85 euros.

Cabe lembrar que o convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia para a mellora do servizo de abastecemento –que alcanzará un investimento de 1.850.000 euros- establece que o Concello debe poñer a disposición os terreos necesarios para executar as obras previstas, motivo polo cal se adquire agora dita parcela.