• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello programa actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres baixo o lema “(R)evoluciona A Laracha”

04/03/2022

(R)evoluciona A Laracha é o lema do programa municipal de actividades que o Concello organizará para conmemorar o Día Internacional das Mulleres que se celebra o 8 de marzo.

Nesa propia data haberá unha dobre proposta no centro sociocultural de Santa Margarida de Montemaior (antigo Hospital dos Peregrinos). Ás 18:30 presentarase o vídeo-documental Mulleres que (R)evolucionan A Laracha, producido polo Concello e no que mulleres representativas de diversos sectores profesionais, artísticos e sociais (emprendedoras, escritoras, músicas, deportistas, mulleres rurais, traballadoras en profesións masculinizadas, etc.) expoñen a súa historia para que sirva de inspiración á cidadanía larachesa.

Trala proxección do vídeo comezará o monólogo Marcho que teño que marchar, unha divertida sesión de contos, pero tamén un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, a igualdade e a perspectiva de xénero a cargo da actriz Bea Campos.

O programa pecharase o sábado 12 de marzo coa obra de teatro Valente e rebelde, a cargo de Trémola Teatro e dirixida ao público infantil (a partir de 3 anos de idade) e familiar. Será na Casa da Cultura da Laracha a partir das 17:00 horas.

O programa municipal en torno ao Día Internacional das Mulleres é organizado polo Concello da Laracha en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Descarga: Cartel 8M