Concello
O conselleiro de Sanidade comunica ao alcalde que o Concello cumpre actualmente cos requisitos para contar cunha nova oficina de farmacia
02/03/2022
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña -acompañado polo secretario xeral técnico, Alberto Fuentes-, mantivo hoxe unha reunión co alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Sanidade, Rocío López, na que lles trasladou que no momento actual o Concello da Laracha cumpre todos os requisitos para contar cunha nova farmacia e que será incluída no próximo concurso público para a adxudicación de novas oficinas sempre e cando dita circunstancia se manteña nese momento.
Este anuncio é froito das xestións realizadas polo alcalde coa Consellería de Sanidade para a incorporación desa nova farmacia toda vez que as actuais cifras oficiais de poboación así o posibilitan.
A solicitude do rexedor baseouse no establecido na Lei de ordenación farmacéutica de Galicia sobre as zonas semiurbanas (nas que está encadrado o Concello da Laracha), ás que lle corresponde unha farmacia por cada 2.500 habitantes, agás que se supere esa proporción en 1.500 habitantes, suposto no que poderá establecerse unha nova oficina de farmacia sempre que se constante un incremento neto poboacional nos últimos cinco anos.
A día de hoxe hai catro farmacias no termo municipal da Laracha para unha poboación que supera os 11.500 habitantes, polo que xa se cumpre dito requisito, motivo polo cal o alcalde transmitiu á Consellería de Sanidade a petición formal que agora foi confirmada polo conselleiro.