• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As alumnas da especialidade de atención sociosanitaria do Obradoiro de Emprego realizan un curso de manipulación de alimentos

26/02/2022

As dez alumnas da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro de Emprego A Laracha VII realizaron un curso de manipulación de alimentos de 4 horas de duración que foi impartido por unha empresa acreditada. Nel puideron ampliar coñecementos e traballar conceptos de interese para o seu labor profesional, tales como a cadea alimentaria, os axentes contaminantes, métodos de conservación de alimentos, alerxias, dietas especiais, etc.

Durante a curso recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Emprego, Rocío López, que acudiron acompañados pola directora do Obradoiro de Emprego.

Despois de examinarse da penúltima das unidades formativas incluídas no certificado de profesionalidade, as alumnas comezarán as prácticas en centros de día e residenciais da Laracha, Arteixo e A Coruña a partir do próximo 7 de marzo, o que lles permitirá coñecer a realidade de tres centros de traballo diferentes. Será grazas aos convenios de colaboración asinados entre o Concello da Laracha, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Real Institución Benéfico-Social Padre Rubinos. Deste xeito completarán a formación que recibiron na aula homologada do edificio administrativo da Laracha en aspectos como a hixiene e aseo da persoa dependente e do seu entorno, preparación da habitación da persoa usuaria, mantemento da orde e condicións hixiénicas, cambios posturais, axudas técnicas, etc.

Especialidade de pintura industrial en construción

Así mesmo, a outra especialidade do Obradoiro de Emprego A Laracha VII, da que forman parte outros dez alumnos traballadores, continúa desenvolvendo a fase formativa práctica coa realización de traballos de mellora de instalacións de titularidade municipal.

Este programa dual de formación e emprego é organizado e financiado grazas á cooperación entre o Concello da Laracha e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Compartir: