• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os voluntarios de Protección Civil da Laracha recibiron formación práctica para situacións de emerxencia

21/02/2022

O equipo de voluntarios da Agrupación de Protección Civil da Laracha recibiu durante a pasada fin de semana formación práctica en diversas materias de emerxencias co propósito de mellorar os seus coñecementos e capacidades para enfrontarse a posibles situación de risco.

Parte da acción formativa centrouse no manexo do equipo de alta presión con cisterna –motobomba- incorporado recentemente polo Concello en colaboración coa Xunta de Galicia e posto a disposición da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Tamén se realizaron prácticas sobre o uso de extintores e simulouse un incendio forestal para actuar sobre el con ataque directo mediante o emprego de batelumes.

Ademais, leváronse a cabo exercicios con motoserra dirixidos a coñecer o modo de intervención ante a presenza de árbores caídas sobre a rede viaria para proceder á súa retirada e despexar a calzada do xeito máis óptimo e rápido posible.

Todas estas actuacións formativas prácticas leváronse a cabo no entorno do polígono industrial da Laracha, nunha zona próxima ao centro municipal de emerxencias que fai de base para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.