• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello celebra o Día de Rosalía con tres xornadas de eventos para todos os públicos

12/02/2022

Con motivo da celebración do Día de Rosalía o 23 de febreiro, no que se conmemora a data de nacemento da que foi unha das figuras más importantes da literatura galega, o Concello organizará en torno a esa data un programa de actividades para todos os públicos co propósito de difundir e promover a súa obra.

O propio mércores 23 de febreiro pola tarde haberá unha dobre proposta. O público infantil (nenos de entre seis e dez anos de idade) está convidado a participar na xornada lúdico-didáctica Xogando con Rosalía que realizará a compañía Proyecto Bulubú no centro sociocomunitario de Caión a partir das 18:00 horas.

Ese mesmo día desde as 19:00 horas a biblioteca municipal da Laracha acollerá o recital para adultos No bico un cantar: celebramos a Rosalía a cargo da actriz Carmen Conde.

O xoves 24 na Casa da Cultura da Laracha a partir das 18:00 horas a actriz e titiriteira Larraitz Urruzola porá en escena o espectáculo infantil A viaxe de Rosalía, valéndose de monicreques, música, obxectos e ferramentas de narración oral tradicionais para expoñer as pasaxes máis importantes da vida de Rosalía de Castro.

O programa pecharase o venres 25 co contacontos A miña historia a cargo da compañía Trémola Teatro que terá lugar no centro sociocultural de Paiosaco desde as 18:00 horas.

O Concello convida á veciñanza larachesa a participar nestes eventos para render homenaxe a Rosalía de Castro e afondar no coñecemento da súa vida e obra literaria.

 

Descarga: Cartel Día de Rosalía