• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello reforza a seguridade na confluencia da Avenida Fisterra coa rúa Silverio Moreda

09/02/2022

Recentemente o Concello estableceu o sentido único de circulación na rúa Silverio Moreda do núcleo urbano da Laracha, sendo agora o acceso permitido soamente pola Avenida Fisterra en dirección á Avenida de Caión, con saída xunto á igrexa parroquial. Esta medida tomouse para reforzar a seguridade viaria tanto para peóns como para viandantes, xa que incluíu o ancheamento das beirarrúas, ademais de conservarse as prazas de estacionamento a ambas marxes.

Dado que dita actuación afecta á confluencia dunha rúa municipal cunha estrada de titularidade autonómica (a Avenida Fisterra é o tramo urbano da AC-552), foi precisa a autorización por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, que requiriu a execución dunha actuación complementaria para facilitar o tránsito e reforzar a seguridade nese punto.

Dita intervención na Avenida Fisterra está a ser executada nestes momentos e consiste, por unha parte, na creación dun carril central de agarda para xirar á esquerda sen interromper o tráfico e, por outra banda, o traslado do paso de peóns uns metros para situalo despois do cruce. Neste último caso, ademais do marcado do paso de cebra tamén foi preciso realizar a correspondente adaptación da beirarrúa co rebaixe do bordillo e mover tanto o punto de iluminación pública como a sinalización vertical.

Aínda que a Avenida Fisterra é a vía máis transitada do termo municipal, os traballos que se están a levar a cabo non están a causar incidencias de consideración na circulación dos vehículos.