• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello organiza para o Entroido un concurso de disfraces virtual

10/02/2022

As festas do Entroido son unhas das celebracións de maior relevancia ao longo do ano no Concello da Laracha, tanto polo volume de actividades culturais e de ocio que se desenvolven nesas datas baixo a organización municipal como pola asistencia de público aos eventos. De feito, o Martes de Entroido é fixado cada ano como festivo local.

Por causa da situación epidemiolóxica actual o Concello, do mesmo xeito que sucedeu o ano pasado, acordou non realizar o tradicional desfile de Entroido para evitar as aglomeracións de persoas nun evento tan multitudinario como ese, pero si que se levará a cabo o concurso de disfraces de xeito virtual para que os cidadáns a título individual e tamén as asociacións poidan festexar o Carnaval mostrando o seu enxeño e creatividade.

Nesta ocasión o certame constará de categorías individual infantil, individual adultos, parellas, grupos e comparsas. Nas catro primeiras poderase participar achegando unha única foto, mentres que na categoría de comparsas requírese a gravación dun vídeo e que haxa, canda menos, cinco participantes.

O Concello destinará aos premios un total de 2.620 euros, que están establecidos en dúas modalidades diferentes. Unha delas será a do xurado, que valorará aspectos como a estética, orixinalidade, creatividade e posta en escena. Tamén haberá un concurso na páxina de Facebook, no que os usuarios da rede social decidirán os gañadores cos seus “gústames”. Serán premiados os tres participantes de cada categoría mellora valorados polo xurado e máis votados en Facebook, podendo cada participante lograr un premio por cada modalidade.

A inscrición está limitada en exclusiva a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha. O prazo para presentar as fotografías e vídeos estará aberto ata o día 27 de febreiro e pode realizarse cubrindo o formulario dispoñible na web municipal www.alaracha.gal.

Bases do concurso de disfraces

Formulario de inscrición

 

Eventos culturais para o público infantil

Ademais do concurso de disfraces, o Concello tamén organizará durante a semana de Entroido unha ampla variedade de propostas culturais dirixidas ao público infantil e familiar que se levarán a cabo nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión.

A relación e datos e eventos é a seguinte:

  • Domingo 27 de febreiro. Espectáculo infantil de sombras: Alén, da Asociación Teatral Paso de Valverde. Centro sociocultural de Paiosaco, 12:00 h.
  • Luns 28 de febreiro. Xogos populares: Os xogos do Paporrubio. Pavillón do IES Agra de Leborís, de 16:30 a 19:00 h.
  • Martes 1 de marzo. Cine infantil: Dumbo. Casa da Cultura da Laracha, 12:00 h.
  • Martes 1 de marzo. Espectáculo de maxia: Homus Pocus, co Mago Paco. Centro sociocomunitario de Caión, 17:00 h.
  • Mércores 2 de marzo. Cine infantil: Nocturna, unha aventura máxica. Centro sociocomunitario de Caión, 12:00 h.
  • Mércores 2 de marzo. Teatro infantil: Cantaxoga, de Migallas Teatro. Casa da Cultura da Laracha, 17:00 h.

 

Descarga:

Cartel Entroido 2022