Concello
O proxecto de mellora da estrada entre Bos Aires e O Pereiro avanza a bo ritmo de actuación
06/02/2022
A execución do proxecto de mellora da estrada que enlaza os núcleos de Bos Aires e O Pereiro avanza a bo ritmo, como puideron comprobar sobre o terreo o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Jesús Souto.
Esta ampla a completa intervención que está a executar a empresa Construcciones López Cao ten un orzamento de 243.000 euros e finánciase integramente con fondos municipais. O proxecto forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, xa que facilitará os accesos ao colexio tanto para os autobuses do transporte escolar como para os vehículos particulares e as persoas que acoden ao centro a pé, ademais de mellorarase as comunicacións desde esa zona cara outros puntos próximos da parroquia de Vilaño como son o castro de Montes Claros ou a praza da Areosa, na que se sitúan a igrexa de Santiago e o centro sociocultural.
O proxecto prevé a ampliación da plataforma da calzada en seis metros máis ata alcanzar os 10,60 metros. Nese espazo habilitaranse carrís para cada sentido de circulación, senda peonil diferenciada e separada do ámbito para os vehículos, espazo de aparcamento nunha das marxes e arcén. En total a superficie afectada é de 8.140 metros cadrados.
A fase inicial das obras xa está completada tras realizarse o laborioso movemento de terra e a explanación do terreo sobre o que se ampliará a calzada. Nestes momentos as obras céntranse na instalación das canalizacións soterradas dos diferentes servizos –incluído o de iluminación pública- e as renovacións das tubaxes das redes de saneamento de augas residuais e recollida de pluviais. Tamén se comezou a realizar o acopio do material para, nos próximos días, iniciar a construción dos bordillos. Posteriormente realizarase a pavimentación e a correspondente sinalización horizontal e vertical para aumentar a seguridade viaria.
Cabe lembrar que ademais desta intervención que xa está en marcha desde hai agora dous meses, o Concello ten proxectada outra ambiciosa actuación co dobre obxectivo de mellorar os accesos cara o CEIP Otero Pedrayo desde a estrada AC-552 a través rúa José Añón e aumentar a superficie vinculada ao centro para albergar novos equipamentos deportivos e educativos que complementen aos existentes na actualidade. Recentemente completouse o procedemento de expropiación dos 13.761 metros cadrados de superficie afectada, no que o Concello investiu máis de 82.000 euros.