• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello completa a selección dos participantes no rograma integrado de emprego

29/01/2022

O Concello vén de rematar o proceso de selección das persoas que formarán parte do programa integrado de emprego (PIE) que se desenvolverá ata o mes de novembro en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Unha vez completada esta fase, nos próximos días comezará a levarse a cabo a formación, con itinerarios profesionais individualizados para cada un dos participantes atendendo ás súas calidades persoais, necesidades e expectativas de inserción laboral.

Este é o terceiro programa destas características que se leva a cabo no Concello da Laracha. Nesta ocasión o tipo de formación ofertada céntrase prioritariamente nos sectores do comercio e a loxística, e en especialidades con demanda de traballadores cualificados. En concreto, os participantes, sempre co asesoramento das dúas orientadoras laborais coas que conta o programa –tamén dispón dunha auxiliar administrativo-, poderán decidir realizar accións formativas do  catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal, tales como:

  • Iniciación á creación de páxinas web.
  • Desenvolvemento web para comercio electrónico.
  • Estratexias de servizos: calidade e orientación ao cliente.
  • Organización de almacén.
  • Xestión loxística.
  • Mellora da xestión do stock e beneficios en comercio.

 O programa integrado de emprego susténtase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación (específica e transversal), práctica profesional non laboral, prospección empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, senón que tamén promove o autoemprego.

En definitiva, preténdese aproveitar as oportunidades que se presentan no termo municipal da Laracha e o seu entorno –en especial grazas ao desenvolvemento industrial que se está a rexistrar no noso municipio- en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas, acompañarase nos itinerarios curriculares individualizados ás persoas participantes e ofreceráselle a oportunidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas colaboradoras do termo municipal para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral, estando fixado o obxectivo mínimo nun trinta e seis por cento.

O orzamento do programa integrado de emprego ascende a 250.000 euros e será financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia mediante fondos finalistas transferidos do Servizo Público de Emprego Estatal.