• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O proxecto de construción do skatepark será adxudicado nos próximos días

28/01/2022

A Mesa de Contratación do Concello da Laracha celebrou hoxe unha nova reunión na que se clasificaron as seis ofertas presentadas polas empresas licitadoras no proxecto de construción do parque de patinaxe Skatepark na capital municipal, pola parte posterior do IES Agra de Leborís. Segundo os criterios técnicos establecidos nos pregos que rexen o procedemento, a proposta máis favorable para o Concello é a de Zona de Obras O Rosal S.L., á que está previsto adxudicar o contrato nos próximos días nun trámite que é competencia da Xunta de Goberno Local.

O Concello investirá 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais neste proxecto que ten por finalidade ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil. O Skatepark será creado nunha parcela de titularidade municipal que presenta unha superficie de novecentos metros cadrados. Disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. O pavimento será de formigón e as barandillas, de aceiro. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que será preciso realizar as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.

Esta nova infraestrutura complementará os espazos educativos, deportivos e culturais existentes no entorno deste lugar, xa que xunto ao Skatepark están o instituto e dúas pistas polideportivas, e nas proximidades atópanse a biblioteca, a Casa da Cultura e o complexo deportivo da piscina municipal.

Proxectos de mellora da rede viaria

Na reunión da Mesa de Contratación tamén se analizaron as xustificacións das ofertas incursas en baixas temerarias en catro licitacións de proxectos de mellora da rede viaria que tamén está previsto adxudicar nos próximos días.

Un deles afecta a unha única estrada da parroquia de Vilaño que presenta unha lonxitude de 2,7 quilómetros e comunica os lugares de A Ribela, Marfulo e A Piña.

Outro é o proxecto de mellora da rede viaria en núcleos das parroquias de Golmar (A Calvela e Requesende) e Erboedo (Cendón).

O terceiro é o que inclúe intervencións nas parroquias de Erboedo (núcleo de Vilarmaior e accesos a O Vilar), Coiro (accesos a Longra e O Toural), Montemaior (núcleos de Cumiáns e A Fieira) e Lestón (A Porta Santa).

Por último está a renovación do pavimento da estrada O Chamusco-Arén (parroquia de Cabovilaño) e no núcleo de Bocixa (Soandres).

En total, estes catro proxectos alcanzan un orzamento conxunto de 483.000 euros.