• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Clasificadas as ofertas das empresas que aspiran a resultar adxudicatarias de catro proxectos de mellora da rede viaria

27/01/2022

O Concello adxudicará nos próximos días os contratos de execución de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal despois de que hoxe a Mesa de Contratación clasificase as ofertas das empresas que concorreron ás licitacións.

O proxecto de maior orzamento (170.000 euros) afecta á parroquia de Soandres e inclúe a mellora da capa de rodadura en estradas dos núcleos de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga. Son doce as ofertas presentadas.

Outro proxecto localízase integramente na parroquia de Montemaior, contemplando intervencións de mellora do pavimento e da rede de recollida de augas pluviais nos puntos nos que así é necesario dos núcleos de O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos. Neste caso son once as empresas que optan á adxudicación e o presupostos ascende a 95.000 euros.

Presentáronse nove ofertas ao proxecto de mellora da rede viaria nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Lendo e Vilaño, que presenta un orzamento de 72.000 euros. Inclúe actuacións de renovación da superficie de rodadura e reforzamento da seguridade viaria en Cardois (Cabovilaño), Goxán (Caión), A Painceira (Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño).

Por último, o proxecto que afecta ás parroquias de Lemaio e Torás alcanza os 124.000 euros de presuposto e concorreron á licitación doce empresas. En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención que contempla a mellora da capa de rodadura de dúas vías que comunican e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira, e que presentan unha lonxitude total duns 5.000 metros lineais. Tamén se contempla a mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga. En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo e consiste no acondicionamento dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

Entre os catro proxectos investiranse preto de 461.000 euros na mellora da rede viaria, sinalización e recollida de pluviais en estradas localizadas en vinte e cinco núcleos de poboación de nove parroquias.