Concello
Rematada a execución do proxecto de renovación de luminarias do alumeado público en zonas rurais
04/01/2021
O Concello da Laracha vén de rematar a execución do proxecto de mellora da eficiencia enerxética coa renovación das luminarias do alumeado público en zonas rurais que promoveu co apoio económico do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –entidade pública dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrita ao Ministerio de Transición Ecológica- ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos singulares promovidos por entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
En total foron substituídas 2.493 luminarias nas trece parroquias do municipio co dobre obxectivo de reforzar a aposta municipal pola redución das emisións para combater o cambio climático e adelgazar o gasto enerxético sen minorar a calidade do servizo.
A intervención supuxo un investimento de 387.811,80 euros, sendo a achega do IDAE para o seu cofinanciamento de 310.250 euros e asumindo o Concello con fondos municipais os 77.561,80 euros restantes.
O Concello continuará no futuro actuando na mellora do alumeado público, incorporando novos puntos de luz e ampliando o servizo especialmente naquelas zonas rurais nas que se están a construír novas vivendas.