• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As actividades culturais e deportivas do programa municipal reanudaranse o 1 de febreiro

25/01/2022

O Concello reanudará as actividades culturais e deportivas do programa municipal de inverno 2021-2022 o martes da próxima semana, día 1 de febreiro.

A principios de xaneiro, coincidindo co maior incremento nas cifras de contaxios de coronavirus rexistrado no termo municipal, o Concello acordara aprazar a volta das actividades despois da pausa das festas de Nadal, que regresarán agora que os datos reflicten un descenso na transmisión da enfermidade.

No caso das actividades para nenos, retómanse as de fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, patinaxe, robótica e gaming, teatro, voleibol, xadrez e zumba kids. Ademais, comezarán as de pequecociña e tiro con arco.

No caso das actividades para persoas adultas regresan o aeróbic, encaixe de palillos, informática, ioga, labores de tecido, memoria e alfabetización, restauración e tapicería, pilates e ximnasia de mantemento, e principia bailes latinos. O comezo dos cursos de iniciación a internet e emprego do paquete Office queda adiado ata o mes de marzo, unha vez estea rematado o curso de iniciación á informática que se viña impartindo desde novembro e que non será posible rematar en xaneiro como estaba inicialmente previsto.

Na volta á actividade cumpriranse estritamente os protocolos para a prevención de contaxios establecidos pola Xunta de Galicia.

A pesar das especiais circunstancias que se están a producir neste curso, o programa municipal de actividades está a ter un rotundo éxito de participación, contando actualmente con máis de mil persoas inscritas entre todas as propostas ofertadas para nenos e adultos.