• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello abre ao público o novo parque infantil da praza O Recreo

12/01/2022

O Concello abriu hoxe ao público para o seu uso o novo parque infantil creado na praza O Recreo, situada en pleno centro da vila da Laracha.

O novo parque infantil conta con catro unidades de xogos -en concreto columpios, balancíns e xogos en torres con tobogán- pensados para o uso dos nenos máis cativos, dando continuidade e complementando o outro espazo xa existente desde hai anos no que hai dispoñibles xogos cooperativos doutras características. Deste xeito os elementos dispoñibles estarán adaptados aos diferentes grupos de idade dos usuarios.

A nova zona dispón, tamén, dun pavimento continuo de caucho para reforzar a seguridade dos nenos, mitigando a intensidade de posibles impactos no chan por caídas.

O Concello levou a cabo esta intervención dentro do plan municipal de ampliación, mellora e renovación de parques infantís para optimizar os espazos existentes na praza O Recreo, que está situada nun punto estratéxico da vila da Laracha, a carón da biblioteca municipal, Casa da Cultura e IES Agra de Leborís, ademais de ser unha zona residencial que conta con varios locais comerciais e de hostalería nas súas inmediacións.

O proxecto foi financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.