• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

A Asociación Cultural Santa María de Torás obtén o primeiro premio do Concurso de Panxoliñas “María Angeriz Tuset”

03/01/2022

A Asociación Cultural Santa María de Torás, coa súa peza O pelo roxiño, logrou o primeiro premio do tradicional Concurso de Panxoliñas “María Angeriz Tuset” que organizou o Concello e que neste ano se realizou por primeira vez na modalidade virtual, adaptándose así ás restricións motivadas pola situación epidemiolóxica.

Os premios do certame foron decididos directamente polos usuarios das redes sociais a través dunha votación pública na páxina de Facebook do Concello da Laracha. Entre os seis grupos participantes rexistráronse máis de 7.200 “gústames” desde a apertura do prazo o 23 de decembro e ata o mediodía de hoxe.

A panxoliña da Asociación Cultural Santa María de Torás foi a máis votada con 2.860 reaccións positivas, obtendo por tanto o premio económico de 400 euros.

O segundo posto (300 euros) foi para a Asociación Cultural Arume de Caión, con 2.548 votos á súa panxoliña titulada Despedida de ano vello.

En terceiro lugar (200 euros) quedou clasificado o Coro Xuvenil Santa María de Torás, que obtivo 803 votos na peza O caixón das emocións.

A estes premios hai que engadir a gratificación de 200 euros a cada grupo polo feito de presentarse ao concurso. O resto dos participantes foron o Coro As Salseiras de Caión, a Asociación Musical da Laracha e o Coro de Vilaño.

En total o Concello reparte neste concurso 2.100 euros para premiar a actividade, creatividade e esforzo das asociacións culturais, musicais e coros parroquiais participantes.