• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os orzamentos municipais do 2022 volverán poñer o seu centro no benestar da poboación, esforzo investidor e conxelación de impostos

29/12/2021

O grupo de goberno da Laracha presentou hoxe á Corporación municipal o proxecto de orzamentos para o ano 2022 na Comisión informativa permanente de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas. Os presupostos elevaranse para o seu debate, votación e, de ser o caso, aprobación, na sesión extraordinaria do Pleno que se convocará para o 7 de xaneiro.

O orzamento está equilibrado en gastos e ingresos e alcanza o importe de 8.618.000 euros, o que supón un incremento de 313.000 euros (3,77 %) con respecto ao exercicio anterior debido á maior participación nos ingresos do Estado e ao reforzamento nas achegas da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para o financiamento de programas de servizos sociais e de investimentos. Un ano máis, o goberno local manterá a súa política de conxelación de taxas e impostos municipais.

Este proxecto de presupostos volve poñer o seu centro no benestar da poboación e no esforzo investidor, continuando as liñas mestras que caracterizan a xestión municipal do grupo liderado polo alcalde, José Manuel López Varela. As contas, medidas desde a prudencia, rigorosas e planificadas tendo en conta a realidade e as necesidades do Concello e dos seus habitantes, son o reflexo da conxuntura actual e o crecemento social e económico que está a rexistrar A Laracha.

Como dato significativo, máis do 20 % dos orzamentos (1.775.000 euros) terán por destino a protección social. Neste apartado inclúense as achegas municipais para servizos públicos como a escola infantil, o centro de día e fogar residencial e os centros sociais da terceira idade, así como para o servizo de axuda no fogar e outros programas de atención a dependentes e colectivos con necesidades especiais. Tamén está contemplada nesta área o gasto que asumirá o Concello en materia de promoción do emprego, estando actualmente en marcha tanto o obradoiro dual de emprego A Laracha VII como o programa integrado de emprego, ambos co apoio da Xunta de Galicia.

Ademais, blíndanse as consignacións orzamentarias para facer fronte ás axudas relativas ás bolsas de estudos, adquisición de equipamentos informáticos para o alumnado, fondo de emerxencia social, Plan de Transporte Metropolitano e tamén as subvencións para o tecido asociativo municipal, destinándose a estes conceptos preto de 450.000 euros.

No próximo exercicio económico volverase apostar por un alto volume de investimentos en infraestruturas públicas. Entre o capítulo 6 (investimentos reais), no que se recollen os proxectos de mellora da rede viaria en todas as parroquias, e o capítulo 7 (transferencias de capital), que inclúe as achegas do Concello para o cofinanciamento coa Xunta de Galicia dos proxectos de construción da nova estación de tratamento de auga potable e de humanización de rúas no entorno do recinto feiral de Paiosaco, suman máis de 1.240.000 euros, o que supón preto do 15 % do total.

O capítulo máis amplo é o relativo a gastos en bens correntes e servizos, que se sitúa próximo aos cinco millóns de euros e supón máis do 57 %. Sen embargo, minórase a súa importancia tanto absoluta como relativa con respecto ao exercicio anterior debido ás novas licitacións dos principais contratos de servizos municipais levadas a cabo en 2021. Neste capítulo tense en conta o incremento do prezo das fontes enerxéticas e consígnanse os créditos necesarios para avanzar na escavación arqueolóxica e posta en valor do Castro de Montes Claros e no proxecto de recuperación de topónimos nas parroquias, incluíndo tanto a numeración das vivendas como a dixital.

No apartado referido ao persoal, prevese o incremento máximo do 2 % das retribucións contemplado no proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para 2022 e, tamén, a retribución da antigüidade do persoal laboral que está a ser obxecto de negociación coa representación sindical.

Estes presupostos serán a folla de ruta da acción do goberno local durante o ano 2022, que continuará caracterizándose por ofrecer a máxima cobertura en servizos e programas públicos para a cidadanía, así como pola mellora das infraestruturas e equipamentos con visión de presente e futuro e, ao mesmo tempo, mantendo o compromiso de non aumentar a presión fiscal á poboación larachesa.