• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO REFORZA A PARTIDA DE EMERXENCIA SOCIAL COS 5.000 EUROS ACHEGADOS POLA OBRA SOCIAL “LA CAIXA”

18/05/2016

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús David García Trasancos, director da oficina de “laCaixa” da Laracha, formalizaron a renovación do convenio de colaboración anual entre ambas entidades. Na xuntanza tamén estivo Rocío López, concelleira delegada da área de servizos sociais.   

Froito deste acordo a Obra Social “laCaixa” achegará 5.000 euros –mesma cantidade que o ano pasado- para reforzar o fondo de emerxencia social municipal, que pasará a estar dotado con 30.000 euros neste exercicio 2016.   

Esta partida orzamentaria ten por finalidade conceder prestacións económicas non periódicas a aquelas persoas cuxos recursos resulten insuficientes para facer fronte a gastos específicos de carácter ordinario ou extraordinario e, deste xeito, previr, evitar ou paliar situacións de necesidade ou riscos de marxinación.   

Así, grazas ao fondo de emerxencia social o Concello da Laracha ten a capacidade de dar unha resposta inmediata ante casos de necesidade perentoria –en aspectos como a vivenda, a alimentación e o benestar- para que as persoas beneficiarias poidan evolucionar cara a súa autonomía e integración comunitaria.   

O alcalde quixo agradecer a sensibilidade e compromiso que cada ano demostra a Obra Social “laCaixa” coas persoas máis desfavorecidas do Concello da Laracha. López Varela lembrou que a achega económica do ano pasado permitiu ao Concello afrontar e solucionar situacións consideradas de emerxencia polo persoal técnico dos servizos sociais municipais e que afectaban a familias con menores ao seu cargo, un dos colectivos máis expostos e vulnerables ante circunstancias destas características.

Compartir: