• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha realizará unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico Pedra Queimada

03/08/2022

O Concello da Laracha realizará unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico Pedra Queimada na que se convida a asistir a toda a cidadanía. Será o martes da próxima semana, día 9 de agosto, desde as 20:30 horas no centro sociocomunitario de Caión.

Dito proxecto consiste na instalación de dous aeroxeneradores de 5,7 MW de potencia nominal unitaria, un deles no termo municipal da Laracha, preto do núcleo de Alvite (Caión) e, o outro en Arteixo, na parroquia de Monteagudo.

O Concello presentará alegacións tanto por considerar que o aeroxenerador previsto en territorio larachés se sitúa moi preto de núcleos de poboación rural (Alvite, Xermaña, O Outeiro, Goxán e O Campo da Costa) como polo seu negativo impacto paisaxístico e medioambiental, xa que a ubicación é próxima ao litoral de Caión e sería moi visible desde a liña da costa.

Charla informativa en Arteixo

O Concello de Arteixo tamén levará a cabo unha iniciativa de similares características e aberta a toda a cidadanía, incluídos os veciños da Laracha. Neste caso a charla informativa será o mércores 10 de agosto ás 20:00 horas no Bar O Muíño de Monteagudo.

O prazo para que calquera persoa que así o estime poida presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Pedra Queimada permanecerá aberto ata o 17 de agosto.