• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A 5ª edición da Feira de Horticultura celebrarase o domingo 7 de agosto no campo da feira de Paiosaco

29/07/2022

O domingo 7 de agosto Paiosaco acollerá a quinta edición da Feira de Horticultura, organizada polo Concello coa colaboración das asociacións A Terriña e Horta do Noroeste. O propósito esencial desta iniciativa é poñer en valor tanto os produtos de horta da nosa zona como o labor dos profesionais do sector.

O evento foi presentado hoxe no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, xunto á concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e representantes das entidades colaboradoras.

O alcalde mostrouse satisfeito por poder organizar unha nova edición tras dous anos de parón por causa da pandemia. Tamén lembrou que o lugar escollido é Paiosaco para aproveitar “o movemento de xente relacionada cos produtos do campo e a horta que xa existe na feira”. López Varela apuntou, ademais, que asistirá unha oficina móbil da Consellería do Medio Rural para informar das distintas liñas de subvencións públicas ás que poden acollerse os produtores.

Rocío López detallou os contidos da xornada. Haberá dezaseis postos individuais de exposición e venda que o Concello porá a disposición dos produtores adheridos á iniciativa. Desde as 11:30 e ata as 13:30 horas haberá un show cooking con degustación para os asistentes no que a chef Beatriz Sotelo realizará as súas elaboracións precisamente con produtos de horta doados polos propios profesionais asistentes. Ademais, haberá sorteos de agasallos entre as persoas que se acheguen durante a mañá.

Pola súa parte Lorena Palleiro, en representación da Asociación de Horticultores Profesionais Horta do Noroeste, mostrou o seu agradecemento ao Concello por seguir apostando pola celebración do evento xa que “queremos que o consumidor aposte polo produto local e galego porque non hai nada mellor que confiar na xente que está ao teu carón”. Afirmou que a Feira de Horticultura “é unha cita obrigada para nós” para poñer en valor “produtos de calidade e de aquí, de quilómetro cero”. Nese sentido animou aos consumidores a “ler as etiquetas” cando vaian facer a compra para comprobar a orixe e trazabilidade dos produtos. Concluíu facendo seu un dos lemas da asociación: “coidamos de ti e do entorno”.

Relación de postos na Feira de Horticultura

  • Concello da Laracha.
  • Asociación de Horticultores Profesionais Horta do Noroeste.
  • Asociación A Terriña.
  • Show cooking de Beatriz Sotelo.
  • Horta Bertoa.
  • Horta Baldaio.
  • Horta Millarada.
  • Horta da Lousa.
  • Verduras Chelín.
  • Hortalizas Añón Pardiñas.
  • Entreverdes.
  • Verxel Galego.
  • Hortalizas Santa Magdalena.
  • Granxa O Rosal.
  • Apropaco.
  • Fundación Galicia Sustentable.

 

Descarga: Cartel