Capela de San Roque e San AntonioVoltar a listaxe de Patrimonio

Atópase situada no lugar de Cillobre, na parroquia de Torás, moi preto do casco urbano da Laracha.
Pertenceu ás antigas Torres de Cillobre, das que quedan uns muros de pedra que responden a restos da antiga construción que presentaba un portón barroco, actualmente formando parte do Pazo de Oca.
O seu escudo, escrito nun frontón curvo, recolle, baixo a coroa marquesanal, as armas dos Bolaño, Moscoso e Ribadeneyra, entre outros.
É unha capela de pequenas dimensións que consta dunha planta de salón, unha única nave e ábsida rectangular.
Na fachada destaca a porta central, cun arco de medio punto formado por grosas doelas de cantaría, rompendo coa sobriedade e ausencia de decoración dos seus muros, xunto coas tres pequenas troneiras situadas na cabeceira.
Cada 15 de agosto, durante as Festas Patronais da Laracha, é tradicional a saída en procesión das imaxes de San Roque e San Antonio ata esta capela desde a Igrexa Parroquial de Santa María de Torás.