• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Santuario dos MilagresVoltar a listaxe de Patrimonio

O Outeiro, Caión

Está situado no lugar do Outeiro, na parroquia de Caión.

É un templo de planta rectangular dunha soa nave e cuberta a dúas augas. Na fachada, que data de 1836, concéntrase a maior creatividade e ornamentación.

Consta dunha porta alintelada, con xambas e lintel moldurado. A decoración central tamén é moldurada e carece de imaxe.

Dúas grandes pilastras acanaladas reciben unha cornixa moldurada e enmarcan todo o sistema da portada. Por encima da cornixa sitúase unha torre campanario composta de dous corpos: o primeiro, cadrado e, o segundo, octogonal con decoración xeométrica a base de círculos.

No lugar onde agora se alza o Santuario dos Milagres, debeu existir unha primitiva igrexa románica, templo parroquial de Caión, pero, cinguíndonos á obra que podemos contemplar hoxe, diremos que se trata dunha construción do século XIX, de estilo barroco compostelano.

En 1801, sendo párroco de Caión Frei Manuel Mata e Flores, comezaron as obras baixo a dirección do mestre canteiro Xoán Antonio Castro, que se prolongaron durante trinta e catro anos, sendo preciso efectuar unha tala no monte de Vilar de Francos para obter madeira para a obra.

En 1835 o mestre canteiro Manuel María Neto, polo prezo de 5.900 reais, fixo a torre da igrexa, de estilo neoclásico. Nos dous anos seguintes colocáronse as campás, feitas en Santiago por Dámaso Dopazo. Catro anos máis tarde constrúese a sancristía e, con ela, remátase a estrutura do santuario.

En 1871 adxudícase a Manuel Fernández a construción do retablo do Altar Maior, que é de estilo neoclásico, en madeira de castiñeiro.

Á saída do santuario, a man dereita, atópase unha fonte construída no ano 1828. Posúe unha auga pura e cristalina que, segundo crenzas populares, é "milagreira".

Por non celebrarse cultos neste templo ao longo do ano, a imaxe da Virxe permanece na igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro.

O recinto que rodea o santuario foi ampliado e pechado con granito, construíndose novas dependencias.

A zona tamén é un excelente miradoiro desde o que podemos gozar dunhas excelentes vistas da península de Caión.