• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Mosteiro de San Pedro de SoandresVoltar a listaxe de Patrimonio

O Priorado, Soandres

Atópase situado no lugar de Priorado, na parroquia de Soandres.

O conxunto do mosteiro remonta ao século X, aínda que en realidade data do S. XIV.

Combina o estilo gótico da cabeceira co barroco das súas naves, conservando restos do primitivo templo románico como son os canzorros e o lintel.

A cabeceira está composta por tres ábsidas de forma poligonal que posúen contrafortes graduados.

É do máis puro estilo gótico e representa a parte máis fermosa e de maior interese arquitectónico do templo. Na ábsida central, a iluminación natural procede dos tres ocos abertos no muro, mentres que os laterais só teñen un.

O templo é basilical, con tres naves e tres ábsidas poligonais que no exterior están coroados por canecillos de factura románica, igual que os de tellaroz do muro norte, posibles reliquias dunha construción anterior. No seu interior apenas existen elementos decorativos.

En cada unha das capelas absidais vemos o seu correspondente baldaquino do século XVIII. Xunto aos muros laterais érguense dous altares de pedra nos que podemos contemplar dúas pequenas imaxes das mesmas características, que representan a Santa Marta e Santa Lucía.

No altar da dereita destaca unha figura de pedra policromada, de aspecto rústico. É a imaxe de Santa Marta (de finais do S.XVIII), irmá de Lázaro e María, procedente da Ermida de Santa Marta de Soandres, que se atopaba baixo a protección do antigo priorado beneditino e situada no monte do seu mesmo nome.

Iconograficamente, está caracterizada polos atributos cos que se representa tradicionalmente no Evanxeo, coa súa dedicación aos mesteres do fogar. De aí que na súa man esquerda leve un vaso e, coa dereita, suxeita un cesto. Noutra iconografía de Santa Marta, como evanxelizadora de Provenza, represéntase vencendo ao dragón ou pulverizándoo con auga bendita.

Tamén podemos contemplar no mosteiro unha imaxe de San Pedro, realizada en madeira policromada que data da primeira metade do século XIX.

Representa a un home de idade avanzada, rostro canso, cheo de melancolía, barba longa, cellas debuxando un contorno nítido seguindo as liñas do nariz...

As faccións, por tanto, están impregnadas de suavidade e dozura, propias dun perfil clásico. Utiliza un canon alongado e esvelto, onde a escaseza de dourados mostra as influencias de Ferreiro.

Considérase esta talla de San Pedro como neoclásica, onde os pregos da súa vestimenta son máis naturalistas e máis brandos, pero seguindo o estilo do taller do escultor noiés.

Nunha das columnas que forman parte do altar maior da igrexa, aparece unha inscrición que reza: "Don José Calvelo e o seu oficial José María Brocos e Don Eugenio de Brocos.

En 1825 pintouse o retablo maior e tamén se faría a figura de San Pedro".

Estes datos axúdannos a encadrar a obra no período neoclásico, aínda que segue os modelos comezados por José Ferreiro uns anos antes.

O exterior do templo caracterízase por unha cuberta a dúas augas, constituída por tella do país e por oito contrafortes que actúan como reforzo dos muros laterais.

A fachada principal ten forma pentagonal e nela sobresaen dous contrafortes que remarcan o eixo central, composto por unha porta e xanela rectangulares e unha espadana de dúas ocas asentada sobre unha plataforma rectangular.

Na actualidade aínda se poden atopar entre os seus muros diversos restos de inscricións medievais, unha delas de época prerrománica. Apegada ao muro sur da igrexa está a Casa Reitoral, que conserva a estrutura do que foi o antigo mosteiro.

No acceso ao mosteiro atopamos a Fonte Santa, da que brotan "augas milagreiras", segundo din as crenzas populares.

O conxunto arquitectónico formado pola reitoral e o antigo mosteiro están reflectidos nun documento que aparece no ano 990, aínda que a súa fundación sexa anterior.

Este documento chegou a nós grazas a unha copia que se fixo no século XV, solicitada polo Abade do mosteiro, Fernán García.

Trátase dunha ampla doazón que lle fixo o Conde Pelayo Pérez á súa muller, Dona Aragonta, na que se inclúen varias igrexas, aldeas e lugares pertencentes ás parroquias de Coiro, Montemaior, Golmar, Cabovilaño, Vilaño e Erboedo, todas elas dentro do actual Concello da Laracha.

Durante os séculos XVII e XVIII, hai un renacemento dos mosteiros galegos, aumentando de forma substancial as súas rendas.

Será nesta época na que se acometerán as grandes reformas arquitectónicas nas congregacións relixiosas. O mosteiro non foi alleo a estes devezos construtivos e é nese intre cando se construíu o novo convento que vemos na actualidade.

Durante o século XIX, o mosteiro perde a propiedade da maior parte das súas terras e, polo tanto, as rendas que recibían eran mínimas, ocasionándolle un estado de abandono e deterioro das dependencias que formaban o conxunto arquitectónico.

Actualmente se atopa en moi bo estado de conservación, xa que nos últimos anos foi obxecto de varios proxectos de restauración interior e acondicionamento exterior.