Igrexa Vella de Santa María de TorásVoltar a listaxe de Patrimonio

Atópase no lugar de Torás, na parroquia do mesmo nome.
Rodeada por un pequeno muro, trátase dunha igrexa de planta de salón na que se distingue unha soa nave e ábsida rectangular.
A fachada principal, construída en 1876, acolle todo o esforzo decorativo do seu creador, o mestre Manuel Rosende. Ten un marcado eixo central sinalado pola porta -alintelada e de decoración moldurada-, unha fornela e unha xanela rectangular. Remarcando o eixo central, ten unha espadana de dous ocos, cun arco e tres pináculos piramidais (elementos residuais do barroco, a pesar de pertencer ao último cuarto do século XIX).
O sistema construtivo baséase nos muros de carga de cachotaría, utilizándose pezas de fábrica de cantaría para definir as esquinas e para enmarcar os ocos de portas e xanelas.
A cuberta é a dúas augas con estrutura de cimbras de madeira e tella do país.
Ao seu carón atópase situado o cemiterio vello.