• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

FAQ - Preguntas frecuentes

Podo facer o Carné Xove na Laracha? Que documentación preciso?

Si. Precisas unha fotografía, cubrir o impreso na Oficina de Información Xuvenil e efectuar o pagamento correspondente.

Podo tramitar o DNI no Concello da Laracha?

Si. Unha unidade móbil da Policía Nacional desprázase ás dependencias municipais dúas veces ao ano para a renovación do DNI por caducidade, por cambio de domicilio, por roubo ou perda ou para a súa tramitación por primeira vez.

Todas aquelas persoas interesadas deben reservar a súa praza no teléfono 981 605 001 ou acudindo á Casa do Concello. O cupo é limitado.

Que debo facer para formar parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil?

- Ser maior de 18 anos, ou maior de 16 e ter a autorización do pai/nai ou titor.
- Estar empadroado/a no municipio da Laracha.
- Presentar no Concello a solicitude para pertencer á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha.

Que debo facer para solicitar a instalación dun colector de lixo?

Debe presentar unha instancia nas oficinas xerais do Concello da Laracha na que se explique a necesidade.

Que necesito para empadroarme?

NORMA XERAL

- Folla do padrón cumprimentada e asinada por todas as persoas maiores de idade.
- Documento que acredite a identidade das persoas inscritas (DNI, tarxeta de estranxeiro, pasaporte etc. e libro de familia para todos os menores de 15 anos).
- Título que lexitime a ocupación da vivenda:
a) Se é propietario, escritura de propiedade, ou recibo actual expedido pola compañía subministradora de auga, teléfono ou electricidade.
b) Se é inquilino, contrato de arrendamento.
c) No caso de ocupación sen título, autorización por escrito do titular da vivenda, acompañada do DNI e un recibo actual expedido pola compañía subministradora de auga, teléfono ou electricidade.

- No caso de que existan persoas xa empadroadas no domicilio, cumprimentar unha autorización de empadroamento sinalando un dos seguintes tres casos:
que o domicilio é da súa propiedade, que consta como empadroado/a no domicilio ou que posúe contrato de arrendamento do domicilio.

ALTAS DE ESTRANXEIROS

Tarxeta de estranxeiro, pasaporte e, os procedentes da UE, tarxeta de identidade en vigor.

CAMBIOS DE DOMICILIO

Na folla do padrón só quedarán reflectidas as persoas que cambien de domicilio, acompañada da documentación que figura na norma xeral.

MODIFICACION DE DATOS PERSONAIS

Documento que acredite o cambio do dato solicitado.

MENORES DE IDADE E INCAPACITADOS

Cando convivan cun só cónxuxe:
- Libro de familia, e autorización do outro cónxuxe (só no caso de que se estea tramitando o proceso de custodia).
- No suposto de separación ou divorcio, correspóndelle a representación dos menores á persoa que teña a garda e custodia, o que deberá acreditar mediante copia da resolución xudicial.

Cando convivan con outra persoa ou familiar:
- Nos casos de tutela, custodia ou acollemento, presentarase copia da resolución xudicial
- No resto dos casos, autorización dos pais.

Quero cambiar o domicilio na documentación do vehículo. Que trámites debo seguir?

Debe dirixirse ás oficinas da Xefatura Provincial de Tráfico, situadas na rúa Dr. Moragas, 10, A Coruña.

Quero crear unha empresa. Onde podo asesorarme?

Para crear unha empresa pódese asesorar na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, situada no edificio de usos administrativos.

Resido no estranxeiro e preciso unha partida de nacemento. Onde a solicito?

No Xulgado de Paz (situado na planta baixa da Casa do Concello) en horario de 9:30 a 13:30 horas.

Se un foco de iluminación pública non funciona, onde podo avisar para que o reparen?

Nas oficinas xerais do Concello da Laracha ou chamando ao 981 605 001.

© 2017 Concello da Laracha.    Aviso legal | Política de privacidade | Política de cookies