PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO 2024-2025

PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO 2024-2025

O Concello, co apoio da Xunta de Galicia, continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral. 

Esta iniciativa, que terá unha duración de doce meses, irá dirixida a persoas residentes no termo municipal da Laracha e que se atopen en situación de desemprego. Nos próximos días o Concello emitirá a oferta de emprego público ao Servizo Público de Emprego de Galicia que, unha vez realizadas as pertinentes sondaxes, procederá a citar aos posibles aspirantes. En total serán cen os participantes, dando preferencia a determinados colectivos (persoas con discapacidade, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, desempregados de longa duración e perceptores de subsidios por desemprego ou renda activa de inserción social) e sendo o obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 41 %.

Aquelas persoas interesadas en participar poden ampliar información na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local situada no Edificio Administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60). Durante o programa os participantes poderán gozar de medidas de axuda á conciliación que porá a súa disposición o Concello. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibirán unha bolsa diaria de dez euros.

O programa integrado de emprego susténtase sobre as bases da información, a orientación, o asesoramento, a formación (específica e transversal), a práctica laboral, a percepción empresarial, as habilidades sociolaborais, o fomento da capacidade de emprendemento e a intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, tamén promove o autoemprego.

A formación transversal, centrarase no desenvolvemento de accións dirixidas a reforzar as habilidades e técnicas de busca de emprego, asesoramento sobre autoemprego, cursos de aprendizaxe de novas tecnoloxías e idiomas, obradoiros sobre mobilidade laboral e coaching para o emprego.

Para o desenvolvemento da formación específica realizarase un estudo personalizado de cada usuario analizando as súas características persoais e competencias profesionais para crear un itinerario axustado a elas. Entre as especialidades propostas están os servizos de comida en centros sanitarios, xestión da restauración, cociña, condución de carretilla elevadora, xestión loxística, creación de blog e redes sociais e manexo de follas de cálculo e bases de datos.

En definitiva, o programa integrado de emprego pretende axudar aos participantes a aproveitar as oportunidades laborais existentes no concello da Laracha e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas e acompañarase neses itinerarios individualizados ás persoas que se atopan actualmente en situación de busca activa de emprego para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

Compartir