SEGUNDA EDICIÓN DE "AGASALLA COMERCIO LOCAL, TEN PREMIO"
Co propósito de fortalecer e dinamizar o sector do comercio local incentivando as compras nos pequenos establecementos e servizos do termo municipal da Laracha durante as datas previas ao Nadal, o Concello impulsa a segunda edición de Agasalla comercio local, ten premio. Do mesmo xeito que no ano pasado, o sistema será mediante a entrega de tarxetas rasca e gaña aos clientes que poderán ter premios directos ou lles ofrecerán a posibilidade de participar no sorteo dos regalos.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do programa. A partir de mañá os establecementos comerciais, servizos ou negocios do termo municipal que desexen participar deben formalizar a súa adhesión na web www.nadal.alaracha.gal, tendo de prazo para facelo ata o 15 de novembro.
O Concello repartirá entre os adheridos un total de 10.000 tarxetas rasca e gaña, que deberán ser distribuídas entre os seus clientes por cada 10 euros de compra. 1.000 desas tarxetas terán un premio directo de 10 euros para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos en compras mínimas de 20 euros entre os días 2 e 22 de decembro. Os vales non son acumulables e non poderán cambiarse por cartos en efectivo. Tampouco poderán destinarse á compra de bebidas alcohólicas, tabacos ou derivados, produtos farmacolóxicos que requiran prescrición médica ou xogos de azar.
A novidade deste ano é que os comercios adheridos tamén poderán achegar, se así o desexan, agasallos que serán incluídos nos rasca e gaña como premios directos.
As tarxetas non premiadas terán unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que estarán habilitadas nas tres bibliotecas municipais (A Laracha. Paiosaco e Caión), entrarán no sorteo de tres agasallos, consistentes en experiencias cultural (estancia dunha noite en Madrid e dúas entradas para asistir ao espectáculo El Rey León), turística (estancia de dúas noites para dúas persoas con acceso a spa no Augusta Eco Wellness Resort de Sanxenxo) e gastronómica (comida ou cea para dúas persoas).
O Concello impulsa esta segunda edición de Agasalla comercio local, ten premio co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, fidelizar á clientela a través dos vales que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns nas datas previas ás festas do Nadal para apoiar ás economías familiares.