Turismo da Laracha

A área xeográfica que abarca o concello ten un índice de biodiversidade elevado, dada a variedade de hábitats e ambientes que posúe. Algúns destes hábitats son naturais e outros son modelados polo home, sobre todo polos usos tradicionais do solo.

 Na costa podemos atopar cantís, praias e formacións de mato costeiro, e no interior, extensións de mosaicos agrícolas tradicionais e masas forestais destacadas, como son bosques de coníferas maduros e bosques de ribeira, estes últimos asociados á complexa rede fluvial que recorre o territorio, co río Anllóns como máximo expoñente.

Esta variedade de ambientes favorece unha gran diversidade de aves, alcanzando o territorio do municipio un notorio potencial para o turismo ornitolóxico.

Na área xeográfica da Laracha hai citadas un total de 175 especies de aves. Destas, 70 especies son reprodutoras (crían no territorio de xeito regular), 24 son invernantes (veñen regularmente pasar o inverno procedentes de latitudes máis setentrionais) e 47 son migratorias (pódense observar en ambos períodos migratorios, é dicir, en primavera, cando viaxan desde as súas áreas de reprodución do norte aos cuarteis de invernada, e en outono, cando regresan ás súas áreas de cría). O resto son de presenza rara ou ocasional, procedentes de lugares moi afastados.

As aves máis representativas dos distintos hábitats con representación no municipio son as seguintes:

 
Cantís costeiros:

A especie máis característica que podemos encontrar neste hábitat é o corvo mariño cristado, unha ave mariña que se atopa nun estado de conservación moi desfavorable no conxunto de España, albergando os cantís da costa de Caión unha colonia reprodutora e diversas áreas de repouso e alimentación da especie.

Tamén se poden observar diversas especies de aves rupícolas como o falcón peregrino, o lagarteiro, a choia biquivermella, o corvo grande e o rabirrubio tizón, todas elas reprodutoras na zona.

En migración, especialmente na migración outonal, pódense observar outras especies propias de espazos abertos como o pedreiro cincento.


Praias:


Nas praias pódense observar varias especies de gaivotas. As bandadas que se forman nelas están dominadas pola gaivota patiamarela, reprodutora en enclaves próximos, podéndose observar, en menor cantidade, a gaivota escura, o gaivotón, a gaivota arxéntea, a gaivota chorona e a gaivota cana. Tamén se viron outras especies de gaivotas, de presenza rara na Península Ibérica, e procedentes do Ártico, como a gaivota polar ou a gaivota hiperbórea.

En ambos pasos migratorios pódense ver grupos de limícolas, sendo frecuentes o pilro común, o pilro groso, o pilro tridáctilo, o mazarico chiador e a píllara real.

No inverno establécense grupos invernantes de virapedras e biluricos das rochas.

 
Áreas de mato:

Entre as especies máis comúns nestes ambientes, tanto na costa como nas zonas altas do interior, pódense mencionar son a laverca, a papuxa do mato, a papuxa cabecinegra, a azulenta, o chasco común e a folosa amarela, todas elas reprodutoras na zona.

 
Áreas agrícolas:

As especies máis características, na época de reprodución, son a rula común, o pombo, a curuxa común, a bubela, a lavandeira branca, a anduriña común, a anduriña daúrica (colonizadora recente da zona tras un espectacular proceso de expansión en Galicia desde territorios máis mediterráneos), o picanzo vermello, o corvo pequeno, o pardal orelleiro, o xirín, o verderolo, o liñaceiro, o xílgaro e a escribenta común.

No inverno poden verse bandadas de picas dos prados, estorniños pintos, estorniños negros e lavandeiras brancas da subespecie británica, as chamadas lavandeiras mouras ou enloitadas.


Áreas forestais:


Como especies forestais máis características encóntranse algunhas aves de rapiña diúrnas como o azor, o gabián, o miñato, o miñato abelleiro, a aguia calzada e o falcón pequeno, todas reprodutoras no territorio, e a avelaiona entre as aves de rapiña nocturnas.


Tamén outras aves como o cuco, a avenoiteira, o peto real, o peto verdeal, a pica das árbores, o paporrubio común, o tordo común, o picafollas ibérico, a estreliña riscada, o ferreiriño común, o maceiro, o ferreiriño negro, o ferreiriño azul, o ferreiriño cristado, o cardeal, o gaio e o pimpín común.

 

Ambientes fluviais:

Especialmente no río Anllóns, que é a principal entidade fluvial que atravesa o municipio, en época de cría, pódense encontrar picapeixes, lavandeiras reais e merlos rieiros.

 
Aves mariñas:

O concello conta cun sector de costa moi exposta ao océano Atlántico, como son as zonas de Punta das Ondas, da Insua e da Atalaia que, pola súa situación e orientación, constitúen excelentes observatorios sobre o mar. As augas situadas fronte ao municipio son moi ricas en biodiversidade mariña, e, en particular, en aves mariñas.

Resulta especialmente interesante o potencial que ten a zona para observar a migración outonal de aves mariñas, que viaxan seguindo unha ruta máis ou menos próxima á liña de costa, entre as súas zonas de reprodución, dispersión e invernada.

Os días especialmente propicios son os dominados por ventos de compoñente oeste ou noroeste, entre finais de verán e comezos de inverno, aproximadamente entre xullo e decembro. Nesas datas, e baixo condicións meteorolóxicas adecuadas, pódense ver migrar fronte á costa miles de aves mariñas. As máis frecuentes son o pentumeiro común, o mascato, a pardela cincenta, o furabuchos, a pardela balear (especie endémica das Illas Baleares e gravemente ameazada), as palleiras parásita, pomarina e grande, os carráns cristado e común e o carolo.

De xeito moito máis escaso e irregular, e especialmente tras fortes temporais, é posible observar outras especies de hábitos especialmente peláxicos como o falaropo bicogroso, a gaivota pequena, a gaivota tridáctila, o arao dos cons e o arao papagaio.