Turismo da Laracha

Torres de Cillobre:

Lugar: As Torres de Cillobre

Parroquia: Santa María de Torás

Pertenceron a unha fortaleza do século XIV situada na vila da Laracha. Tiveron unha gran relevancia na época feudal, os primeiros propietarios foron os Andeiro, familia orixinaria das terras de Bergantiños. Tamén pertenceron a familias nobres como os Gómez Pérez das Mariñas. Sofreron as consecuencias dos ataques irmandiños.

No ano 1988, as pedras da fortaleza medieval foron utilizadas para a construción dunha ponte. Isto provocou a desaparición do portón, as torres e a muralla. Consérvase unha pedra armeira no pazo de Oca (A Estrada).

Hoxe en día aínda se conservan parte do muro perimetral e a vivenda da torre.

Trátase dun dos símbolos municipais máis coñecidos ao aparecer representado no escudo do concello da Laracha.

 

Torres do Viso:

Lugar: O Viso

Parroquia: Montemaior

Pertencentes á época medieval, están totalmente arruinadas, só se conservan os restos da base cadrada da antiga construción.

Pertenceron aos Bermúdez de Castro.

 

Miliario:

Lugar: Areosa-Igrexa de Santiago de Vilaño

Parroquia: Vilaño

O historiador José Manuel Caamaño data o miliario de Vilaño no século IV, concretamente entre os anos 351 e 353. A peza presenta unha forma cilíndrica e mide 146 centímetros. Posúe unha inscrición, con letras de entre 5 e 7 centímetros, na que se pode ler unha mensaxe incompleta en latín, que podería dicir “bono rei publicae natus. Magno Decentio nobilissimo et florentissimo caesari”. Nesta inscrición lóase ao César Decentio, irmán do emperador Magneto, circunstancia estraña xa que habitualmente estaban dedicados ao emperador.

Actualmente atópase na sancristía da igrexa de Santiago de Vilaño.