Turismo da Laracha

Pazo dos condes de Graxal

Lugar: praza de Eduardo Vila Fano

Parroquia: Caión

Situado na praza de  Eduardo Vila Fano en Caión, é unha propiedade privada de uso residencial.

É un pazo urbano, de planta rectangular con muros de cantaría. Destaca a porta con arco de medio punto na fachada sueste. Ocos pequenos e moi espazados. Edificio de fábrica de perpiaños de granito con cuberta de tella curva. Conta cunha planta baixa na que se distribúen diferentes estancias e outra alta con cuartos. A parte orientada ao suroeste está realizada con fábrica de granito rosa diferente do resto e corresponde a unha dependencia destinada antigamente á cadea.

Na parte nordeste conta cun establecemento hostaleiro con diferente tratamento de fachada ao do edificio orixinal.

 


Pazo de Lemaio

Lugar: Grixario, 2

Parroquia: Lemaio

Propiedade privada que non se pode visitar

O corpo principal, que puido ser unha torre, é de planta rectangular e cuberta a catro augas de tella. Conta con muros de cantaría e un gran portalón de entrada cun arco de medio punto de grosas doelas. Unido a este corpo e de menor envergadura, aparece outro que se supón de construción posterior con muros de cachotaría con linteis, xambas e esquinais de cantaría. O escudo está centrado sobre o arco de entrada e, pegado a el, hai outro pequeno escudo.

 

Pazo de Montesclaros

Lugar: Montesclaros

Parroquia: Vilaño

Conxunto arquitectónico de carácter rural. Formado por vivenda, capela, cabazo, alpendre, pombal e un muro de pedra que rodea o terreo. A vivenda é de planta rectangular disposta a dúas alturas e cuberta a dúas augas con tella curva e muros de cachotaría.

Na fachada principal destaca a profusión de ventás, dispostas simetricamente en torno a un eixe central marcado pola porta principal.

Fronte ao pazo hai un cruceiro.

 


Torres de Cillobre:

Lugar: As Torres de Cillobre

Parroquia: Santa María de Torás

Pertenceron a unha fortaleza do século XIV situada na vila da Laracha. Tiveron unha gran relevancia na época feudal, os primeiros propietarios foron os Andeiro, familia orixinaria das terras de Bergantiños. Tamén pertenceron a familias nobres como os Gómez Pérez das Mariñas. Sofreron as consecuencias dos ataques irmandiños.

No ano 1988, as pedras da fortaleza medieval foron utilizadas para a construción dunha ponte. Isto provocou a desaparición do portón, as torres e a muralla. Consérvase unha pedra armeira no pazo de Oca (A Estrada).

Hoxe en día aínda se conservan parte do muro perimetral e a vivenda da torre.

Trátase dun dos símbolos municipais máis coñecidos ao aparecer representado no escudo do concello da Laracha.

 

Torres do Viso:

Lugar: O Viso

Parroquia: Montemaior

Pertencentes á época medieval, están totalmente arruinadas, só se conservan os restos da base cadrada da antiga construción.

Pertenceron aos Bermúdez de Castro.