• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Urbanismo

 

O Concello da Laracha é un municipio en crecemento que está a rexistrar un constante e progresivo aumento da poboación. Dispoñer do Plan Xeral de Ordenación Municipal desde o ano 2003 permitiu que o desenvolvemento urbanístico se realizase de xeito estruturado, metódico e coidadoso.

Nos cascos urbanos a xestión urbanística municipal caracterizouse nos últimos anos pola creación de parques e área peatonais, construción de beirarrúas e aumento das áreas de aparcadoiro de vehículos.

Nas parroquias apostamos polo acondicionamento de prazas públicas nos máis importantes puntos de encontro veciñais e mellorar as comunicacións rodadas abrindo novas estradas e incorporándoas á rede viaria municipal, que supera os seiscentos quilómetros lineais para dar servizo aos nosos máis de trescentos núcleos de poboación.

As actuacións realizadas sempre contemplaron a eliminación das barreiras arquitectónicas na procura de facer máis cómoda a vida das persoas con mobilidade reducida.

O ordenado desenvolvemento urbanístico tamén posibilitou a creación do parque empresarial, que conta cunhas características envexables polo seu terreo chan, boas comunicacións e ampla cobertura en servizos.

Se así o desexas, podes consultar nesta web o PXOM ao completo, xa que o adaptamos en varios arquivos descargables para facilitar a súa consulta.

No Concello da Laracha temos, ademais, un rico patrimonio arquitectónico e arqueolóxico, destacando a beleza das nosas igrexas e capelas e a presenza de castros que nos indican a importancia histórica deste municipio.

Jesús Souto
Concelleiro de Urbanismo, Obras e Patrimonio